O 9º Repsol Eco Rallye A Coruña chega á praza do Obradoiro no ecuador da primeira etapa da carreira
Setembro 19, 2025O 9º Repsol Eco Rallye chegou este mediodía á praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, un dos enclaves máis emblemáticos de Galicia. O pelotón de turismos partiu pola mañá desde a praza de María Pita, na Coruña, cunha primeira parada en Santa Comba antes de alcanzar a capital galega.
Os máis de cincuenta vehículos participantes permanecerán estacionados no Obradoiro ata a tarde, momento no que reanudarán a marcha rumbo á Coruña, cunha nova parada intermedia no municipio de Curtis.
A etapa de hoxe comprende 310 quilómetros, o que supón algo máis da metade dos 574 totais que conforman o percorrido desta edición, a máis extensa ata a data. Ademais, é tamén a que abrangue un maior número de localidades, xa que atravesará 39 concellos. Como gran novidade, o Repsol Eco Rallye A Coruña adentrarase por primeira vez na provincia de Lugo, cun tramo mañá no municipio de Xermade.
A grella desta novena edición reúne destacadas figuras do automobilismo, como o campión mundial Michal Žďárský, o piloto do Rally Dakar Fran Gómez Pallas ou o experimentado Ángel Santos. Xunto a eles, a proba tamén conta con rostros recoñecidos como o creador de contido Xurxo Carreño e o medallista olímpico Carlos Arévalo.


