Pérez Aicart e Herrea en eléctrico, Shirley e Cubi Fernández en híbridos enchufables e Sergnese e Rodríguez en híbridos, foron os vencedores do VII Eco Rallye A Coruña

Pérez Aicart e Herrea en eléctrico, Shirley e Cubi Fernández en híbridos enchufables e Sergnese e Rodríguez en híbridos, foron os vencedores do VII Eco Rallye A Coruña

Setembro 17, 2023 Off By Ecorallye
  • Segundo indicou o director de carreira, Alberto González Olañeta, “a celebración da proba foi todo un éxito, cunha gran participación de pilotos, xerando unha gran expectación na cidade e na comarca”
  • Ao longo desta fin de semana asistiu ao evento Carlos Funes, observador da FIA, para avaliar a idoneidade do Eco Rallye A Coruña para formar parte da Copa FIA, levándose moi boas impresións da proba

Os castellonencos Pérez Aicart e Herrera na categoría de eléctricos, os lucenses Shirley Fernández e Cubi Fernández na modalidade de híbridos enchufables, e os vascos Sergnese e Rodríguez en híbridos, foron os vencedores da VII edición do Eco Rallye A Coruña, organizado pola Escuadra A Coruña.

Na categoría de vehículos eléctricos a dupla vencedora foi a de José Manuel Pérez Aicart e Javier Herrera, a bordo dun Hyundai Kona; o segundo posto foi para Santiago Sánchez e Javier Ortega, aos mandos dun Toyota BZ4X e o terceiro lugar corresponde a José Antonio Luján e Aday Luján, que durante a fin de semana tomaron os mandos dun Renalut Zoe.

Na categoría de híbridos enchufables a vitoria foi para os viveirenses Shirley Fernández e Cubi Fernández, que conducían un Volvo XC40; o segundo posto obtivérono Anxo Santos e Mario Osma, aos mandos dun Toyota Rav4, mentres que o terceiro lugar correspóndelle a Pedro Peteiro e Rubén Gonález, subidos a bordo dun Opel Astra GS.
Por último, na categoría de híbridos, o primeiro chanzo do podio ocupárono Carlos Sergnese e Joseba Rodríguez; o segundo posto foi para Bruno Méndez e Manuel Adoitar, e o terceiro posto no caixón foi para José Manuel Valeiro e María José Vázquez. Neste caso, todos os pilotos desta categoría conducían un Toyota Yaris.

A cita congregou a un total de 38 pilotos chegados desde diferentes puntos de toda España, atraendo a multitude de seguidores e interesados que se achegaban ata o parque de estacionamento situado no Parrote.

 

Segundo indica o director de carreira, Alberto González Olañeta, “a celebración da proba foi todo un éxito, cunha gran participación de pilotos, xerando unha gran expectación na cidade e en toda a comarca, sobre todo nos 16 concellos polos que transcorreu a proba”.

Segundo o delegado técnico de carreira, Alejandro Torres, “esta cita vai crecendo exponencialmente ano a ano, consolidándose no circuíto nacional, e esperemos que deica pouco poida subir un banzo e aparecer tamén no calendario internacional”.

En bo camiño para formar parte do Campionato de Enerxías Alternativas da FIA

Ao longo desta fin de semana asistiu ao evento Carlos Funes, observador da FIA, para avaliar a idoneidade do Eco Rallye A Coruña para formar parte do Campionato de Enerxías Alternativas da Federación Internacional de Automobilismo.

En palabras de Funes, “nun futuro podería chegar a formar parte do campionato. Estou gratamente impresionado coa carreira, está moi ben organizada e escolleron un itinerario moi bonito para a súa realización”.