O 9º Repsol Eco Rallye da Coruña preséntase como a edición máis internacional e co maior percorrido da súa historia
Setembro 15, 2025O Salón Real do Concello da Coruña acolleu esta mañá a presentación do 9º Repsol Eco Rallye A Coruña, unha proba novamente de carácter mundialista que se celebrará do 18 ao 21 de setembro, atravesando un total de 39 concellos.
No acto participaron o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o concelleiro de Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, Roberto García Fernández; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño; o director territorial noroeste multienerxía de Repsol, Benjamín Muñoz; e o director de carreira, Alejandro Torres.
Tamén estiveron presentes os pilotos Fran Gómez Pallas e Luis Penido, representantes dos concellos polos que transcorre a proba, así como patrocinadores e colaboradores.
Alejandro Torres abriu as intervencións facendo balance desta edición, que será a de maior percorrido ata a data, cun total de 574 quilómetros. Así mesmo, detallou o programa da competición: o venres os vehículos realizarán reagrupamentos en Santiago de Compostela, Santa Comba e Curtis, mentres que o sábado o farán nas Pontes de García Rodríguez.
O director territorial noroeste multienerxía de Repsol, Benjamín Muñoz, sinalou: “Estamos moi contentos de dar nome e impulsar a mobilidade na 9ª edición do Repsol Eco Rallye A Coruña, convertendo a praza de María Pita no epicentro da mobilidade eléctrica da competición, onde os vehículos eléctricos e híbridos enchufables disporán de 25 puntos de recarga dobres para 50 vehículos e haberá ademais un espazo aberto ao público, para achegar a innovación e amosar como a enerxía está a transformar a nosa forma de movernos”.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, agradeceu a cooperación institucional e subliñou que a provincia da Coruña volve ser, un ano máis, epicentro da mobilidade eléctrica.
O vicepresidente da Real Federación Española de Automobilismo, Joaquín Verdegay, destacou: “É un orgullo volver á Coruña. Levo moitos anos neste mundo e esta cidade é a miña casa. Grazas ao Concello e a todas as institucións colaboradoras por facer posible unha proba de 574 quilómetros que atravesa tantos concellos”.
O deputado provincial Antonio Leira apelou tamén á cooperación institucional e ao respaldo das entidades privadas para que o Eco Rallye siga medrando: “Queremos que sexa non só unha competición, senón tamén unha marca en constante expansión”. Ademais, remarcou a importancia da mobilidade sustentable e convidou tanto a participantes como a afeccionados a gozar dunha modalidade deportiva respectuosa co medio ambiente.
Pola súa parte, Roberto García, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, incidiu no valor do “maridaxe entre deporte e turismo” e na calidade das competicións e dos deportistas galegos, como reflicte o Repsol Eco Rallye A Coruña.
O concelleiro de Turismo coruñés, Gonzalo Castro, destacou o deporte como elemento de cohesión social e puxo en valor a singularidade desta edición: “Este ano os coches circularán por máis concellos ca nunca, chegando mesmo a Lugo. É un claro exemplo de como a competición automobilística pode unirse ao respecto medioambiental”.
O Repsol Eco Rallye entra en semana de competición
O 9º Repsol Eco Rallye A Coruña inicia xa a súa semana grande. O xoves celebraranse as verificacións técnicas e administrativas, xunto coa saída protocolaria, que marcará o comezo da edición máis internacional ata a data, con representación de dez nacionalidades, entre elas España, Portugal, República Checa, Italia, Polonia, Francia, Bulgaria e Lituania.
Este será o segundo ano consecutivo no que a proba forme parte do calendario do Bridgestone FIA Eco Rally Cup, ademais de ser puntuable para o Campionato de España de Enerxías Alternativas.











