O 9º Repsol Eco Rallye A Coruña dá o pistoletazo de saída á súa edición con maior percorrido
Setembro 18, 2025O 9º Repsol Eco Rallye A Coruña ultima os preparativos para o seu inicio, mañá venres 19 de setembro, tras unha xornada dedicada ás verificacións técnicas e administrativas que garantiron a participación dos equipos na segunda edición consecutiva da proba dentro do calendario do Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup.
Durante a tarde de hoxe, máis de 50 participantes completaron as verificacións administrativas no hotel NH Finisterre e as técnicas no Parrote. Superado este trámite, mañá arrancará a competición cunha saída desde a praza de María Pita ás 09:00 horas.
Esta edición será a máis esixente ata o de agora, xa que a caravana percorrerá un total de 574 quilómetros, atravesando 39 concellos. Como novidade, o itinerario adentrarase na provincia de Lugo, cun tramo no municipio de Xermade.
O 9º Repsol Eco Rallye A Coruña contará cunha notable representación de figuras recoñecidas tanto do automobilismo como do deporte e da comunicación, entre elas o campión mundial Michal Žďárský, o piloto do Rally Dakar Fran Gómez Pallas, o creador de contido Xurxo Carreño e o piragüista olímpico Carlos Arévalo, un dos deportistas galegos máis laureados.
A praza de María Pita acollerá esta tarde a saída protocolaria
A competición abrirase esta mesma tarde coa saída protocolaria desde María Pita ás 20:30 horas, que dará paso a dúas xornadas de carreira.
-
Venres 19 de setembro: os vehículos sairán de María Pita ás 09:00 horas rumbo a Santiago de Compostela, onde se celebrará un reagrupamento de 13:30 a 16:30 horas, antes de emprender o regreso á Coruña para completar a primeira etapa. A xornada incluirá ademais dous reagrupamentos intermedios: en Santa Comba (11:30 horas) e en Curtis (18:25 horas), ambos nos recintos feirais locais.
-
Sábado 20 de setembro: a segunda etapa comezará ás 10:00 horas en María Pita. Os equipos chegarán a As Pontes ás 12:10 horas para unha parada intermedia e regresarán á Coruña ás 18:15 horas, onde finalizará a proba.


