O 8º Eco Rallye A Coruña arrinca o vindeiro xoves contando con máis de 50 pilotos participantes
Setembro 16, 2024- A proba, que se celebrará do 20 ao 22 de setembro, pasará por 31 municipios da provincia e terá a súa base na praza de María Pita
- A cita debuta nesta oitava edición como proba puntuable para o Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup
- O vindeiro luns, 16 de setembro, terá lugar a presentación do evento na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña
A Coruña, 16 de setembro de 2024. A oitava edición do Eco Rallye A Coruña, arrinca o vindeiro xoves, 19 de setembro, coas verificacións e coa participación de máis de 50 pilotos.
A proba, que se celebra entre o venres e o domingo, percorrerá 31 municipios e terá a súa base na praza de María Pita. Está organizada pola Escuadra A Coruña, sendo o único evento destas características que se celebra en Galicia, e que ademais de ser todo un referente na zona noroeste de España, este ano debuta como proba puntuable para o Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup
Durante os tres días que dura a competición valorarase a regularidade e a eficiencia dos pilotos, tendo como obxectivo promover o uso de vehículos deseñados para aforrar enerxía e diminuír a contaminación. A empresa de sistemas de carga intelixente Circutor, ofrecerá 50 cargadores para os vehículos eléctricos e híbridos enchufables que tomen parte na edición máis extensa ata a data desta proba.
Este ano a proba contará coa participación de caras recoñecidas, como a do actual campión de mundo, Michal Žďárský, a do piloto do Rally Dakar Fran Gómez Pallas e a do actor Juan Echanove, gañador dos premios Goya.
A presentación do evento será este luns na Deputación da Coruña
O vindeiro luns, 16 de setembro, ás 12:00 horas a Sala Juanjo Gallo, situada na 6ª planta do Palacio provincial da Deputación da Coruña, acollerá a presentación da 8º Edición do Eco Rallye A Coruña.
No acto participará o presidente da Real Federación Española de Automobilismo, Manuel Aviñó Roger, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso así como Roberto García Fernández, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e Gonzalo Castro Prado, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña. Tamén estará presente o piloto de Escuadra A Coruña, Ángel Santos Avalle, representantes dos municipios polos que transcorre a proba, patrocinadores e membros da escuadra organizadora.
Durante a celebración profundarase en diferentes aspectos que teñen que ver coa proba, aínda que lembremos que os pilotos non coñecen os tramos do rallye ata unha hora antes de comezalos.