O 10º Repsol EcoRallye A Coruña chegará ata a “fin do mundo” pasando por 35 concellos galegos

O 10º Repsol EcoRallye A Coruña chegará ata a “fin do mundo” pasando por 35 concellos galegos

Agosto 20, 2026 Off By Ecorallye

O 10º Repsol EcoRallye A Coruña percorrerá 586,997 quilómetros a través de 33 concellos da provincia da Coruña e 2 da de Lugo, levando a competición sostible desde a área metropolitana ata o emblemático cabo de Fisterra. Un total de 425,507 quilómetros —o 72,49% do trazado global— serán cronometrados e puntuables repartidos en 14 treitos de regularidade.

A competición arrincará o venres cun trazado orientado cara á Costa da Morte, territorio nunca antes visitado pola proba,completando paradas de reagrupamento e neutralización en Vimianzo, Fisterra —en pleno “fin do mundo”, parando preto do mítico faro— e Coristanco. O sábado, a proba porá rumbo ao norte e interior da comunidade, fixando o seu punto neurálxico no concello das Pontes.

En total, a caravana de vehículos alternativos atravesará un territorio que abrangue os 7.950 km² e 1,12 millóns de habitantes da Coruña, así como os 9.856 km² e 325.000 habitantes da provincia de Lugo.

Esta cita do calendario nacional serve como escaparate da mobilidade limpa. A diferenza dos rallys de velocidade tradicionais, no EcoRallye prémiase o consumo eficiente e a precisión: os equipos deben manter medias de velocidade axustadas ao tráfico rodado regular mentres xestionan o uso enerxético dos seus vehículos (100 % eléctricos ou híbridos),optimizando cada quilovatio ou gota de combustible ao longo da ruta.

Listaxe de concellos do percorrido

Provincia da Coruña (33 concellos): A Capela, A Coruña, A Laracha, Aranga, Arteixo, As Pontes, As Somozas,Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Cee, Coirós, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Dumbría,Fisterra, Irixoa, Malpica, Mazaricos, Miño, Monfero, Muxía, Oleiros, Paderne, Ponteceso, Sada, Santa Comba,Vilarmaior, Vimianzo e Zas.

Provincia de Lugo (2 concellos): Muras e Xermade.