O 10º Repsol EcoRallye A Coruña contará con 52 puntos de recarga na praza de María Pita para os vehículos participantes

O 10º Repsol EcoRallye A Coruña contará con 52 puntos de recarga na praza de María Pita para os vehículos participantes

Setembro 13, 2026 Off By Ecorallye

Repsol, patrocinador principal da competición, subministra a infraestrutura eléctrica do centro neurálxico da proba e habilitará un espazo con actividades abertas ao público.

O 10º Repsol EcoRallye A Coruña reforza a súa infraestrutura loxística na praza de María Pita coa instalación de 52 puntos de recarga cunha potencia total de 385 Kw/h, destinados a dar servizo a todos os vehículos eléctricos e híbridos enchufables que disputarán a competición. A céntrica praza coruñesa volverá converterse no corazón operativo da carreira e punto de encontro imprescindible entre equipos, pilotos e público.

Grazas a esta infraestrutura subministrada por Repsol, patrocinador principal do evento, a organización garante a enerxía necesaria para afrontar as distintas etapas da cita.

Actividades abertas ao público nas carpas de Repsol

De forma paralela á competición, a praza de María Pita acollerá un espazo dinámico aberto á cidadanía onde Repsol ofrecerá experiencias interactivas centradas na xeración de enerxía e a condución eficiente.

Entre as propostas destaca un circuíto de Scalextric alimentado a pedais, no que os asistentes pedalearán sobre bicicletas de spinning para transformar o seu propio esforzo na electricidade necesaria para mover os vehículos na pista.

A esta iniciativa sumaranse varios simuladores de condución eficiente, que permitirán aos participantes coñecer e pór en práctica técnicas para optimizar o consumo de combustible e enerxía nos seus desprazamentos diarios.

As carpas de Repsol permanecerán operativas durante catro xornadas, comezando as súas actividades o xoves 17 de setembro en horario de 15:00 a 20:30 horas. O venres 18 abrirán de 09:00 a 20:30 horas, o sábado 19 de 09:30 a 20:00 horas, e o domingo 20 de 10:00 a 14:00 horas.